Thursday 18 de April de 2024

9 de setembro, Día Mundia do Vehículo Eléctrico


O punto de recarga público para vehículos eléctricos cumpre tres anos cun balance de 325 usos, máis da metade este ano

O uso da electrolinera, situada na rúa Arcebispo Romero de Lema, segue aumentando pouco a pouco

O 6 de setembro do 2019 entrou en servizo o punto de recarga de vehículos eléctricos, o primeiro de titularidade municipal da comarca e un dos primeiros da provincia. Ata finais dese ano rexistráronse 30 recargas, pero o despegue do servizo viuse frustrado pola pandemia, xa que, como indican dende a empresa que o xestiona, as electrolineras están moi vinculadas á mobilidade e ao turismo, e tanto a primeira coma o segundo víronse moi limitados a consecuencia da COVID-19. De feito, en todo o 2020 só se realizaron 18 recargas.

A situación empezou a mudar o ano pasado, no que se rexistraron 140 recargas, cunha media de 12,38 kWh de enerxía subministrada por recarga. Ata o 31 de agosto deste ano levamos 167 recargas, máis que en todo o ano 2021, e tamén aumentou a media de enerxía subministrada ata 14,36 kWh.
Os dous puntos de recarga instalados na rúa Arcebispo Romero de Lema, na zona do Parque Rego da Balsa, forman parte das medidas impulsadas dende o Concello de Carballo para fomentar unha mobilidade sostible. Dispoñen de conectores estándar na Unión Europea para todo tipo de coches e o subministro é 100% de orixe renovable. Para activar o servizo poden utilizarse dous sistemas, ou ben unha tarxeta da compañía Ibil válida para todo o territorio nacional ou ben a través da APP da empresa no teléfono móbil.

No noso concello tamén existen outros puntos de recarga en empresas relacionadas co sector da automoción, e agora a Comunidade de propietarios do polígono industrial de Bértoa vén de presentar unha comunicación previa para a realización das obras para a instalación dun novo punto de recarga na rúa do Cobre.

No ano 2050 está previsto que os vehículos eléctricos sexan o medio de transporte de uso masivo no mundo. Hoxe, 9 de setembro, celébrase o Día Mundial do Vehículo Eléctrico, unha data coa que se pretende sensibilizar ás novas xeracións sobre a importancia do uso de coches sostibles ou eléctricos, e que, casualmente, coincide co aniversario da electrolinera municipal de Carballo.